Santiago, 1 de maio de 2008. Máis de 21.000 persoas saíron hoxe ás rúas das principais cidades galegas para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “É o momento da igualdade, o salario digno e o investimento produtivo” que reflicte con claridade as prioridades e demandas do Sindicato. Neste senso, UGT desempeña un papel impulsor das medidas de igualdade, emprego de calidade e a demanda dun gran pacto pola competitividade. Mostra disto son os importantes acordos asinados nestas materias tanto en Galicia como no resto do Estado.
No acto central, que tivo lugar en A Coruña, na súa intervención o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, apelou ao internacionalismo para defender os dereitos humanos, expresando a máis firme solidariedade cos pobos vítimas da guerra e da opresión. Neste contexto, tamén denunciou a violencia económica que están a sufrir as xentes do chamado terceiro mundo ás que só lle queda o camiño da emigración, nas máis das veces arriscando a súa vida. Lembrou que xa hai catro décadas que se estableceu a necesidade de que os países desenvoltos destinaran o 0,7 por cento da súa riqueza aos máis empobrecidos e actualmente só se destina o 0,24 por cento do PIB.
O secretario xeral do Sindicato fixo fincapé, no seu discurso, na urxencia dun pacto mundial contra a pobreza que ordene as migracións e promova un desenvolvemento sostible que iguale dereitos e obrigas a todos con independencia da súa procedencia.
Retomou o lema deste Primeiro de Maio e fixo fincapé en que, efectivamente, é o momento da igualdade, o salario digno e o investimento produtivo.
Neste senso, apostou por unha política económica máis achegada aos problemas das persoas e, polo tanto, allea aos movementos especulativos do capital que están a provocar a desestabilización e desaceleración económica.
Apelou a un reforzamento dos obxectivos da UE referidos a pleno emprego, economía social de mercado e a potenciación dos servizos públicos e, para iso, é imprescindible fomentar o diálogo social, a negociación colectiva e o papel dos interlocutores sociais.
José Antonio Gómez considerou no seu discurso que esta vai ser unha lexislatura marcada pola resposta que a sociedade sexa quen de darlle á desaceleración económica e, aínda que se agarda que este Executivo teña capacidade para afrontar os retos que se aveciñan, advirte que os traballadores non van consentir que a variable de axuste en situacións de dificultade sexa a conxelación salarial ou a perda de poder adquisitivo.
Entre outras cousas, porque os traballadores non son os culpables da situación que se está a vivir detrás da cal están os movementos especulativos e o boom inmobiliario. Fenómeno este último que xerou emprego pero tamén moita riqueza só para uns poucos e unha das maiores desigualdades desta sociedade, as dificultades para acceder a unha vivenda digna.
Considera que neste momento de incerteza económica urxe actuar dun xeito decidido para paliar os efectos que en forma de destrución de emprego se están a producir e protexer aos colectivos máis desfavorecidos, mozos, mulleres e inmigrantes.
José Antonio Gómez na súa intervención indicou que esta lexislatura debe ser a de afondar no diálogo social como ferramenta para abordar os cambios que necesita o país.
Cambios que pasan por mudar o modelo produtivo e ampliar as bases do patrón económico, dando peso á industria e á tecnoloxía, con máis investimentos nestes campos, así como, en infraestruturas, equipamentos e capital humano.
Neste senso, UGT está a traballar no diálogo social en Galicia para acadar un novo pacto pola competitividade que complemente o Acordo polo Emprego.
Estas medidas deben cumprimentarse con normativas que favorezan a cohesión social, centrando os esforzos nos colectivos máis débiles, e que afonden nas políticas xa iniciadas anteriormente en materia de dependencia, concretando da man dos concellos e Xunta o mellor xeito de que as prestacións cheguen ás persoas que as precisen.
Unha cobertura que debe ser extensiva á normativa para a igualdade na que hai que avanzar con máis decisión.
Tamén vai ser o momento de seguir afondando en políticas de protección cara os inmigrantes, ás persoas con discapacidade, conciliación, estabilidade e seguridade e saúde laboral.
Fortalecer as relacións colectivas de traballo, universalizar a negociación, consolidando o modelo salarial que posibilita o mantemento do poder adquisitivo, serán outros dos focos de traballo de cara aos vindeiros meses.
Finalmente, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, non quixo esquecer no seu discurso que, un ano máis, a loita contra o terrorismo ten que estar presente neste Primeiro de Maio. Ao respecto, manifestou o máis absoluto rexeitamento á barbarie terrorista e esixiu o abandono, dunha vez por todas, do uso da violencia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada